Alcohol

Alcohol

Que é?

O alcohol é unha droga depresora do Sistema Nervioso Central que inhibe progresivamente as funcións cerebrais. Afecta á capacidade de autocontrol, producindo inicialmente euforia e desinhibición, polo que pode confundirse cun estimulante.

O principal compoñente das bebidas alcohólicas é o etanol ou alcohol etílico, que ten diferente concentración dependendo do seu proceso de elaboración. As bebidas alcohólicas poden ser:

  • Fermentadas: viño, cervexa e sidra. Teñen unha graduación entre os 4º e os 15º. Prodúcense pola fermentación dos azucres das froitas ou dos cereais.
  • Destiladas: son o resultado da destilación das bebidas fermentadas, co que teñen maior concentración de alcohol. Augardente, vodka, whisky, ron ou xenebra teñen entre 40º e 50º. Isto supón que o 40% ou o 50% do que se bebe é alcohol puro.

Graduación alcohólica

A graduación dunha bebida indica, aproximadamente, o volume de alcohol etílico que contén. Así, unha botella de viño de 12º contén un 12% de alcohol puro.

Que aspecto ten?

Liquido de inxestión oral.

Que efectos produce no meu organismo?

Unha vez no sangue, o alcohol distribúese por todo o organismo, afectando de forma especial á actividade do cerebro. As concentracións máximas de alcohol en sangue prodúcense entre os 30 e 90 minutos despois de inxerir a bebida, o que fai que moitas persoas non sexan conscientes de que están bebendo en exceso ata que perciben os primeiros efectos (mareos, de coordinación, etc.). a eliminación completa do alcohol do organismo tarda entre 8 e 10 horas.

Os efectos do alcohol nunha persoa dependen de diversos factores:

  • A idade: beber alcohol mentres o organismo está madurando (física, mental e afectivamente) é especialmente nocivo.
  • O peso (afecta de modo máis severo ás persoas con menor masa corporal).
  • O sexo (por factores fisiolóxicos, a tolerancia feminina é, en xeral, menor que a masculina).
  • A mestura con outras drogas (xa que potencian os efectos nocivos do alcohol e poden provocar reaccións imprevistas).
  • O habituado que se estea a beber (os consumidores/as habituais teñen unha maior tolerancia ós efectos, o que non quere dicir que non sufran estes ou máis danos que os consumidores ocasionais).
  • A cantidade e rapidez da inxesta (a máis alcohol en menos tempo, maior intoxicación).
  • As doses inxeridas (doses baixas poden producir euforia ou desinhibición; doses medias, embriaguez e descoordinación física e mental; e doses moi altas poden chegar a causar coma etílico e incluso a morte por colapso cardiorrespiratorio).
  • A inxestión simultánea de comida (o estómago cheo, sobre todo de alimentos graxos, dificulta a intoxicación).
  • A combinación con bebidas carbónicas (tónica, coca-cola, etc.), que aceleran a intoxicación.

Poucos minutos logo de beber, poden aparecer unha serie de efectos que por orde de aparición no tempo e en relación coa concentración de alcohol no organismo, estes efectos serían os seguintes:

Efectos sobre a conduta e as emocións:

  • Desinhibición da conduta e das emocións.
  • Euforia e excitabilidade.
  • Perda da capacidade de autocontrol.
  • Deescordinación psicomotora: problemas para coordinar movementos, confusión mental, linguaxe incoherente, etc.
  • Aumento dos tempos de reacción.
  • Deterioro da capacidade de xuízo (da percepción do risco) e falsa sensación de seguridade.
  • Alteracións visuais e perceptivas.
  • Trastornos sexuais.
  • Sono e cansazo.
  • Nalgunhas persoas, comportamento agresivos.

Efectos no noso organismo (dependen da cantidade presente na sangue (taxa de alcoholemia, medida en gramos por litro de sangue).

  • 0,5 g/l: euforia, sobrevaloración de facultades e diminución de reflexos.
  • 1 g/l: desinhibición e dificultade para falar e coordinar movementos.
  • 1,5 g/l: embriaguez, con perdida de control das facultades superiores.
  • 2 g/l: descoordinación da fala e da marcha, e visión dobre.
  • 3 g/l: estado de apatía e somnolencia.
  • 4 g/l: coma etílico (precisa a intervención inmediata dos servizos de urxencia).
  • 5 g/l: morte por parálises dos centros respiratorio e vasomotor.

Que riscos ten o seu consumo?

Riscos psicolóxicos

O abuso regular pode provocar:

  • Síndrome de abstinencia (caracterizado por ansiedade, tremores, insomnio, náuseas, taquicardia e hipertensión, que pode desembocar nun delirium tremens senón é tratado).
  • Problemas neurolóxicos e psiquiátricos: depresión, ansiedade, insomnio, alteracións da conciencia, psicoses e demencias, etc.
  • Dependencia (alcoholismo).

Riscos orgánicos

O abuso crónico do alcohol está relacionado con diversos problemas de saúde.

  • Trastornos dixestivos: náuseas, diarrea, gastrite, úlceras, cancros de colon, recto e gástrico.
  • Lesións no fígado (hepatite, cirrose, cancro de fígado) e no páncreas.
  • Trastornos cardiovasculares: hipertensión, arritmias, cardiopatías.
  • Infertilidade, diminución do impulso sexual e impotencia.
  • Envellecemento precoz.
  • Tolerancia (precísanse maiores doses para obter os mesmos efectos).

Outros riscos que pode provoca-lo consumo de alcohol son: a violencia domestica e o deterioro das relacións familiares; absentismo e accidentes laborais, diminución do rendemento no posto de traballo, malas relacións cos compañeiros, sancións e despido; accidentes e sancións de tráfico; absentismo e fracaso escolar no caso dos estudantes...

Produce dependencia?

Ademais dunha intensa dependencia psicolóxica, sentida como necesidade imperiosa de beber alcohol, algunhas persoas corren o risco de pasar dun consumo recreativo controlado, (“uso”), a un consumo excesivo non controlado (“abuso” ou “uso problemático”).

Os trastornos relacionados co consumo excesivo de alcohol aparecen en momentos moi variables segundo os individuos. Algunhas persoas vivirán estados reiterados de embriaguez sen por iso facerse dependentes. Este tipo de consumo constitúe unha forma de consumo problemático.

Un consumidor/a excesivo pode evolucionar cara á dependencia alcohólica en tres etapas:

  • Fase 1: non aparece ningún dano. As actividades profesionais, sociais e familiares seguen conservándose. A saúde mental e física non se ve alterada de forma significativa.
  • Fase 2: aparecen dificultades de orde relacional, social, profesional e mesmo xudicial. Alteracións de saúde física e mental levan ás veces ás persoas a reducir ou deixar o consumo de forma momentánea (abstinencia).
  • Fase 3: a persoa é incapaz de reducir ou eliminar o seu consumo, a pesar da persistencia dos danos. Aparecen numerosos síntomas: tremores, cambras, anorexia, trastornos do comportamento. O consumidor/a convértese en alcoholdependente.

Canto se consome?

Segundo o Informe sobre a Enquisa Domiciliaria sobre o Alcohol e outras Drogas (EDADES) do ano 2014/15 da Delegación do Goberno para o Plan Nacional de Drogas:

O alcol é a substancia psicoactiva máis extendida entre a poboación de 15 a 64 anos en España. Como ven observando nas catro últimas edicións da enquisa (2009-2015), máis do 90% dos cidadáns tomou bebidas alcohólicas algunha vez na súa vida. Máis ou menos, a idade na que se bebe alcol por primeira vez sitúase nos 16 anos.

En 2015, o 77,6% da poboación declarou un consumo de alcol nos últimos 12 meses previos á realización da enquisa e o 62,1% recoñeceu tomar alcol nos últimos 30 días. En 2015, a extensión do consumo de alcol no último mes experimentou un leve descenso con respecto ao ano 2013 (64,4%), aínda que ao longo de toda a serie histórica este indicador mantívose entre o 60% e o 65%.

A poboación que mantén un consumo diario de alcol en España representa o 9,3%. A prevalencia deste patrón de consumo iniciou no ano 2001 unha tendencia descendente, rexistrando en 2015 o valor máis reducido da serie histórica.

alcohol

O consumo de alcol atópase máis estendido no grupo masculino, tanto nos diversos tramos temporais contemplados como en todos os grupos de idade. O grupo de 15 a 24 anos é o que presenta unha menor diferenza entre homes e mulleres en canto á prevalencia do alcol e o grupo de 55 a 64 anos é o que mostra maiores diferenzas entre ambos os sexos.

Tanto no colectivo masculino como no feminino, máis do 90% da poboación tomou bebidas alcohólicas algunha vez na vida. Considerando os últimos 12 meses, o 82,9% dos homes consumiu bebidas alcohólicas, aínda que esta prevalencia aumenta no grupo de 25 a 34 anos ata o 86,1%. A extensión do consumo no grupo feminino é notablemente menor (72,1%), aínda que se perciben certas diferenzas en función da idade (a variación da prevalencia en función da idade é máis pronunciada que a observada no grupo masculino).

Por último, a prevalencia do consumo diario de alcol resulta 3,5 veces superior nos homes que entre as mulleres. Se o 14,5% deles rexistra este patrón de consumo, nas mulleres a porcentaxe redúcese ata o 4,1%.

Sobre a súa historia

O consumo de alcohol remóntase á antigüidade. Ó longo da historia producíronse consumos rituais, sacros, sociais ou festivos . Tamén se utilizou como remedio: nos Estados Unidos, durante a prohibición, só os médicos podían prescribilo.

No século XIX, durante a revolución industrial, aparece a noción de alcoholismo. Na maioría dos países occidentais, en épocas distintas segundo os contextos económicos, políticos e relixiosos, aparece o alcoholismo de masas. En 1871 aparecen as primeiras medidas de prevención. Despois da Primeira Guerra Mundial, o discurso evoluciona: recoméndase desde a máis temperá idade o uso moderado das bebidas fermentadas, desaconsellando á vez as bebidas destiladas. Despois da Segunda Guerra Mundial, conságrase a sobriedade. Aparecen leis que prohiben o viño nos comedores, a publicidade e a venda de alcohol nos estadios, etc.

Hoxe, o consumo excesivo de alcol e o alcoholismo constitúen unha fonte importante de problemas en numerosos países.

E a lei, que dí?

Na nosa comunidade esta vixente a  LEI 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

A lei ten por obxecto regular as actuacións e iniciativas no campo da prevención do consumo de bebidas alcohólicas menores de idade e terá como obxectivo principal evitar os casos de trastornos aditivos e de consumos indebidos e abusivos, atrasando as idades de inicio de consumo. Para o que se contemplan actuacións na redución da demanda e na regulación da dispoñibilidade a través da modificación de actitudes e hábitos, coa protección da saúde orientada á diminución da oferta.

Este texto legal consta de 39 artigos, distribuídos nun título preliminar e tres títulos, ademais dunha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

O título preliminar contén disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito da norma, as definicións legais e os seus principios reitores.

O título I dedícase á prevención do consumo de alcohol a menores de idade. Contén no seu capítulo I as medidas de prevención e o seu concepto, as orientadas á diminución da demanda, os ámbitos prioritarios de prevención, a prevención nos ámbitos escolar, familiar, comunitario e sanitario. O capítulo II trata sobre as limitacións da oferta de bebidas alcohólicas aos menores de idade, relativas tanto ao consumo, venda e subministración coma á publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas, ou ao acceso dos menores de idade aos locais en que se consome alcohol.

O título II refírese aos instrumentos de intervención para garantir as actuacións en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Este título divídese en tres capítulos. O capítulo I versa sobre información e control e contén as previsións en materia de sistema de información e sobre inspección. O capítulo II refírese ao financiamento e o capítulo III (dividido en tres seccións) contén o réxime de infraccións e sancións.

O título III contén as previsións relativas á planificación, así como a coordinación e participación social, que inclúen aspectos como a determinación dos distintos niveis competenciais ou o papel das organizacións non gobernamentais e entidades sociais na materia que nos ocupa.

Rematan o texto unha disposición adicional, que habilita para a actualización periódica das contías das sancións; unha disposición transitoria, para a adaptación dos contratos en materia de publicidade e patrocinio asinados antes da entrada en vigor desta lei; unha disposición derrogatoria, que afecta as disposicións de igual ou inferior rango contrarias ao disposto nesta lei, e catro disposicións derradeiras, sobre o desenvolvemento e entrada en vigor.

A lei contempla como ámbitos prioritarios de prevención para a diminución da demanda: o escolar, familiar, comunitario e ámbito sanitario. Para o que establecen medidas transversais nos plans de actuación dende as administracións de promoción de hábitos saudables e de modificación de condutas de risco de consumo de alcohol, promovendo a implicación do conxunto da comunidade escolar, as familias, da comunidade  e dos/as profesionais sanitarios, especialmente en atención primaria.

Tamén se establecen os mecanismos de inspección para garantir as actuacións que se contemplan na lei e o réxime sancionador. Para máis información premer: LEI 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Limitacións da oferta

A continuación exponse o capítulo II onde recollen as limitacións da oferta de bebidas alcohólicas aos menores de idade:

Artigo 12.-Limitacións ao consumo, venda e subministración.

 1. Queda prohibido o consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.

2. Queda prohibida a venda e subministración de bebidas alcohólicas a menores de idade.

3. Queda prohibida a venda, subministración ou consumo de bebidas alcohólicas nos centros docentes para menores de idade, nos recintos e espazos destinados á realización e seguimento de actividades deportivas, no momento en que os deportistas ou practicantes sexan maioritariamente menores de idade, e nos centros destinados a menores de idade.

4. Queda prohibida a venda e subministración a menores de idade de calquera produto que imite os envases de bebidas alcohólicas.

Artigo 13. Venda e subministración a través de máquinas expendedoras.

1. As máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas deberán incorporar os mecanismos técnicos adecuados que permitan impedir o acceso a elas das persoas non autorizadas ao consumo.

2. As máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas só se poderán situar no interior de locais, centros ou establecementos en que non estea prohibido o seu consumo, nun lugar que permita a vixilancia directa e permanente do seu uso por parte do titular do local ou dos seus traballadores.

Artigo 14. Información sobre as limitacións.

1. En todos os establecementos en que se vendan ou subministren, de calquera modo, bebidas alcohólicas, informarase das prohibicións especificadas nos números 1 e 2 do artigo 12. A devandita información realizarase mediante anuncios ou carteis de carácter permanente, fixados de xeito visible, en galego e castelán.

2. Os responsables de calquera establecemento adoptarán as medidas necesarias de control para evitar a venda de bebidas alcohólicas a menores de idade, que deberán coñecer todos os traballadores.

3. Na superficie frontal das máquinas figurará, de forma clara e visible, unha advertencia sobre a prohibición do seu uso para os menores de idade.

Artigo 15. Limitacións da publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas.

1. Queda prohibida calquera campaña dirixida a menores de idade que induza, directa ou indirectamente, ao consumo de bebidas alcohólicas por estes.

2. Queda prohibida a utilización de imaxes ou voces de menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas

3. Queda prohibido o uso de argumentos, estilos, tipografías ou deseños asociados aos menores de idade nos soportes publicitarios, de promoción e de patrocinio de bebidas alcohólicas.

4. Queda prohibida na publicidade, na promoción e no patrocinio, a asociación do consumo de bebidas alcohólicas con calquera mellora do rendemento físico, psíquico ou deportivo, coa condución de vehículos, manexo de armas, co potencial éxito persoal ou social ou coa mellora na resolución de conflitos.

5. Queda prohibida toda clase de publicidade directa, indirecta ou subliminar de bebidas alcohólicas destinados para menores de idade, e/ou centros a que teñan acceso maioritariamente os menores de idade, nas publicacións de libros, revistas, folletos… cando sexan dirixidos a menores de idade.

7. Nas actividades de promoción e/ou patrocinio non se poderán ofrecer bebidas alcohólicas a menores de idade. Prohíbese igualmente a entrega a menores de idade de bens ou servizos relacionados con bebidas alcohólicas, hábitos do seu consumo, e aqueles que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcohólica.

9. Queda prohibido o acceso e as visitas de menores de idade aos centros de produción e promoción de bebidas alcohólicas (feiras, certames, exposicións, …) agás que estean acompañados de maiores con responsabilidade sobre eles.

10. Non se poderá realizar promoción de bebidas alcohólicas dirixidas especificamente a menores de idade.

12. Queda prohibida calquera tipo de promoción que poida inducir ao consumo abusivo de bebidas alcohólicas, especialmente por rebaixa dos seus prezos, para o consumo no propio local.

13. Queda prohibida a venda de alcohol entre as 22.00 e as 9.00 horas do día seguinte (excepto a venda para o consumo nos propios establecementos autorizados, venda electrónica, venda para a distribución a profesionais e  venda nos mercados de abastos, nos seus horarios autorizados).

Artigo 16. Limitacións ao acceso de menores de idade a locais.

1. Queda prohibida a entrada dos menores de idade en salas de festas, de baile ou discotecas, salvo que estean acompañados de maiores de idade con responsabilidade sobre eles.

2. Excepcionalmente, estes locais poderán dispoñer de sesións especiais para maiores de 14 anos, con horarios e sinalización diferenciadas, sen que poida ter continuidade ininterrompida con aquelas sesións en que se produza a venda de bebidas alcohólicas, retirándose durante estas sesións especiais, a exhibición e publicidade de bebidas.