Tolerancia Cero cos condutores/as que consuman drogas ao volante
19/06/2012
O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, presentou unha das principais liñas da estratexia sobre condución e drogas que o Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), porá en marcha nas próximas semanas. O obxectivo desta nova campaña é reducir os accidentes na estrada provocados polo consumo de sustancias estupefacientes dos condutores/as.
A idea é impulsar un programa de detección da condución baixo os efectos das drogas -similares aos controis de alcol que realizan os/as axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nas estradas- co fin de xeneralizalos e crear unha maior conciencia entre os condutores/as de que conducir tras o consumo e baixo os efectos das drogas, non só afecta as capacidades do condutor/a senón que incrementa entre 2 e 7 veces a probabilidade de provocar ou sufrir un accidente de tráfico respecto de quen non consomen ningunha sustancia (Proxecto DRUID e DXT).
O proxecto europeo DRUID (Driving Under the Influence of Drugs, Alcol and Medicines) integrado, promovido e cofinanciado pola Comisión Europea e no que participaron 19 países e Noruega finaliza, entre outras conclusións, que en España a prevalencia de consumo de drogas diminúe a medida que aumenta a idade dos condutores/as, que é máis frecuente o consumo en homes que en mulleres, en vías urbanas e durante a madrugada, tanto en fin de semana como en días laborais.
Se ningún condutor/a circulase tras consumir drogas, poderíanse evitar a morte de polo menos 480 persoas cada ano. Por todo iso, Tolerancia Cero cos condutores/as que consuman drogas cando se pon ao volante, pola súa seguridade e a do resto dos condutores/as que circulan polas distintas vías.
O consumo de todo tipo de drogas como o cannabis, a cocaína, a éxtase, as anfetaminas ou os opiáceos provocan no condutor/a dificultade na coordinación, distorsión da atención, perda de tempo de reacción, somnolencia, agresividade na condución, perda de control e velocidade excesiva.
Consumo de drogas e condución
España é un dos primeiros consumidores de cocaína e de cannabis do mundo co 4% e 10% respectivamente de prevalencia de consumo entre a poboación en xeral. Segundo os controis aleatorios realizados, o 19,4 % dos condutores/as circulaban tras consumir drogas. Uns datos que reflicten unha tendencia crecente de condutores/as falecidos/s nos últimos oito anos cos que hai que establecer medidas de inmediato.
Segundo o Informe 2011 do Instituto Nacional de Toxicoloxía, o 15% dos condutores/as falecidos/as en accidente de tráfico circulaban tras consumir drogas. Ademais, un 7% consumiron alcol e drogas simultaneamente, o que demostra que o consumo de drogas entre os condutores/as é frecuente e que o risco de sufrir un accidente é elevado.
Que se pretende facer con este programa?
Desde o Ministerio do Interior preténdese que a única actitude posible fronte ás drogas e a condución sexa a Tolerancia Cero. Para iso:
- Aumentarase a sensibilización de toda a sociedade ao redor deste problema.
- Informarase os condutores/as do risco do consumo de drogas, sen esquecer tamén o risco que supón o consumo de alcol. É preciso lembrar que o consumo mínimo de alcol xunto a drogas supón grandes deterioracións na capacidade de conducir.
- Xeneralizaranse os controis de drogas e de alcol máis drogas en todo tipo de vías, días e horas.
- Colaborarase con outras administracións en materia lexislativa, educativa e formativa en relación coas drogas e a condución de vehículos.
- Impulsarase a investigación aplicada en materia de drogas e seguridade viaria.
Como se realizan os controis de drogas nas estradas?
A última reforma do Código Penal (Lei Orgánica 5/2010 de 22 de xuño) modificou a Lei de Enxuizamento Criminal e introduciu a saliva como mostra biolóxica coa que realizar a proba de determinación de sustancias en condutores/as, outorgando aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil plena autoridade para a realización das probas e determinou a súa obrigatoriedade para os condutores/as.
Cando os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil ordenen a detención dun vehículo para que o seu condutor/as de preste á realización dun control de drogas, informaranlle da obrigatoriedade de someterse a esta proba. Tomarán unha proba de saliva que se introducirá nun dispositivo que analizará esta mostra. No caso de que o resultado sexa positivo, obterase unha segunda mostra de confirmación que se enviará directamente ao laboratorio para a súa posterior análise, sen prexuízo de que o condutor poida solicitar unha proba de contraste en sangue.
Lexislación vixente en materia de seguridade viaria
O Código Penal, no seu artigo 379.2, establece penas de prisión de 3 a 6 meses ou multa de 6 a 12 meses ou ben a de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e en calquera caso coa privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un ano e até 4 anos.
O artigo 383 do Código Penal, establece que aquel condutor/a que se negue a someterse a estes controis de alcol e drogas, será castigado/a con penas de prisión de 6 meses a un ano e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores a motor por tempo superior a un ano e até 4 anos.
O artigo 65 da Lei de Seguridade Viaria tipifica como infracción moi grave a condución tras o consumo de estupefacientes, psicotrópicos e calquera outra sustancia ilegal de efectos análogos. A sanción prevista para este tipo de infraccións moi graves é de multa de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir.
FONTE: Dirección Xeral de Tráfico