Proxecto Alcol: Programa de Prevención do Uso e Abuso de Alcohol na Mocidade
15/11/2011
A Asociación Renacer en coordinación co Concello de Riveira e o Concello de Noia desenvolverán un proxecto de prevención do consumo de alcohol: “ Proxecto Alcol: Programa de Prevención do Uso e Abuso de Alcohol na Mocidade”.
Este ten como principal obxectivo potenciar a comunidade como axente preventivo no consumo e abuso de alcohol, especialmente en menores. A presentación do mesmo será o 15 de novembro, a que a Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra nesta data o "Día Mundial Sen Alcohol".
Coa aprobación e entrada en vigor da LEI GALEGA 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, púxose en man das entidades locais e organizacións de prevención de adiccións o pór en funcionamento e adoptar unha serie de medidas encamiñadas a diminuír a prevalencia e incidencia do consumo de alcohol así como os episodios de intoxicación etílica en menores.
É necesario unha actuación combinada e coordinada entre as distintas entidades e axentes sociais implicados para potenciar unha maior sensibilidade ó consumo de alcohol na mocidade, evitando o uso de estratexias xa empregadas pero pouco efectivas como son a dramatización, a exaxeración das consecuencias negativas, ou a presentación de danos moi graves, pero infrecuentes, que se atopan afastados da realidade da poboación a que se dirixen.
O contexto de aplicación do programa é integral xa que se farán intervencións nos eidos educativos, familiar e comunitario. Serán intensivas dende novembro do ano en curso ata outubro do ano 2012. As actividades a desenvolver serán:
- Difusión do programa e reunións de coordinación cas diferentes entidades a implicar.
- Ámbito educativo: análise situación e obradoiros de fomento de hábitos saudables e prevención do consumo de alcohol, campañas de sensibilización, reparto de material informativo,…
- Ámbito familiar: seminarios informativos, servizo de información e asesoramento, reparto de material informativo e preventivo específico,…
- Ámbito comunitario: campañas de sensibilización, xornadas multiprofesionais, creación espazo web de información e consulta, actividades coordinadas con: establecementos dispensadores de alcohol, forzas de seguridade cidadá, asociacións culturais e de festexos,….
O programa vai dirixido a : menores de idade e mocidade, pais e nais, comunidade educativa, establecementos dispensadores de alcohol (en especial, hostalería de ocio nocturno), forzas de seguridade cidadá e a poboación en xeral.
Apelamos á responsabilidade que todos/as e cada un dos destinatarios/as deste programa e a poboación, dende o seu ámbito, na redución tanto da prevalencia de consumo como das consecuencias negativas ó consumo temperá de alcohol.