Nova Lei Antitabaco para o 2010

Cigarro nun cinceiro

15/12/2009

O Ministerio de Sanidade e Política Social prohibirá fumar en todos os espazos públicos pechados, locais de lecer e restaurantes en 2010, segundo asegurou a ministra , Trinidad Ximénez, quen destacou que existe un "grao de consenso bastante amplo".

Para Ximénez, "o problema non é que se fume en lugares públicos, senón en lugares públicos pechados", e neste senso descarta prohibir fumar en terrazas e prazas de touros. Recoñeceu que as "conversas están moi avanzadas" e a posición é bastante maioritaria no seo do conxunto de grupos políticos. "Na medida en que consigamos consenso político, conseguiremos consenso social", dixo, e asegura que a decisión "é moi fundada", posto que está baseada na "protección da saúde". "Estamos culturalmente preparados/as para adoptala xa, e estamos nesa fase final da negociación", remarca.

Hai meses que Ximénez vén expondo este asunto, aínda que ata agora non concretara unha data. Sinalou en varias ocasións que a sociedade española "está madura" para que se poida aprobar unha prohibición total do tabaco en todos os lugares públicos e insistiu en que estes locais non se verán prexudicados economicamente.

Actualmente está permitido fumar en restaurantes e bares de menos de 100 metros cadrados, que supoñen o 80%, co que os efectos prácticos da Lei son moi limitados. Só 40.000 dos máis de 350.000 locais de lecer existentes en España están libres de fume ou contan con espazos separados para os fumadores/as, segundo datos facilitados por RTVE. Ximénez lembrou que os empregados/as de hostalaría veñen sendo prexudicados/as pola actual lei e deu cifras segundo as cales 55.000 persoas morren de tabaquismo en España cada ano.

Dacordo cas enquisas realizadas polo ministerio, o 70 por cento dos españois sería partidario dunha prohibición total do tabaco en todos os locais pechados.

Varios organismos, como a Organización Médica Colexial e o Comité Nacional de Prevención do Tabaquismo, levan tempo pedindo ó Ministerio un endurecemento da normativa e, segundo as enquisas, parece que a poboación tamén apoia a medida. A OMC denunciou varias veces o "incumprimento sistemático" da lexislación actual, polo que insta os grupos parlamentarios a que apoien unha reforma.

Pola súa banda, a Federación Española de Hostalaría criticou esta medida, xa que afirma que suporía un prexuízo económico que se sumaría á caída das vendas pola crise. Os hostaleiros/as sosteñen que especialmente os bares padecerán un descenso adicional das vendas do 10% e argumentan que nunha parte moi importante da súa clientela -en torno ao 45%- o consumo de produtos hostaleiros está vinculado ó consumo de tabaco e que moitos fumadores/a quedarían na casa ou buscarían outras alternativas de lecer.

Neste senso, o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo afirma que a experiencia doutros países onde se aplicaron prohibicións similares non resultou negativa para este sector e agrega que mesmo pode ser unha oportunidade e resultar nunha tendencia positiva.

A maior parte dos países da Unión Europea teñen en vigor prohibicións sobre o tabaco en lugares públicos e medios de transporte, aínda que con distintos graos de severidade. Entre os máis estritos, Irlanda, Italia, Francia ou Reino Unido, nos que non se pode fumar en ningún recinto pechado.

 

FONTE: MUNDO SALUD